lunes, 12 de noviembre de 2007

"...á procura dunha escola inclusiva. Os Trastornos xeneralizados do desenvolvemento."

Colegas:
A finais do mes pasado organizamos unhas xornadas tituladas “… á procura dunha escola inclusiva. Os trastornos xeneralizados do desenvolvemento.” Foi unha boa ocasión para, sobre todo, reunir a profesionais preocupados/as por este tema. O compromiso dos/as asistentes e o bo facer dos/as poñentes fixeron que estas xornadas resultaran moi interesantes.
Carmen Márquez de Bata, Agustín Illera de Gautena, Manoel Baña da UDC e Rosa Fiel do “CEP Magariños” de Cambados foron os responsables de transmitirnos moita información, pero fundamentalmente o que máis nos chegou foi a súa emoción, implicación e a súa calidade humana.
Con Carmen fixemos un repaso polos TXD e o correspondente diagnóstico diferencial. Con Agustín puidemos ter un achegamento ás estratexias adecuadas para intervir, así como aos recursos para apoiar ao alumnado, tentando aplicalos ao marco escolar dende unha perspectiva inclusiva. Con Manoel e con Rosa vivimos o relato da historia de Dani, un neno con Asperger que foi desenvolvendo as súas aptitudes coa axuda dun equipo de profesionais e, sobre todo, de persoas que estaban en disposición de dar e de aprender moito, nunha escola ordinaria onde mestres/as, compañeiros/as, a familia e o tesón de Manoel foron as claves de que todo saíra ben (sen esquecer intres duros) ¡foi moi emotivo!.
…E agora poderíamos continuar!!! Sei de profesionais de diferentes centros que xa están a traballar para elaborar un proxecto con esta temática, na modalidade de formación de “grupo de trabalo”.
Se alguén de vos está con ganas de emprender unha “camiñada” nesta liña e non atopa outros profesonais ou quere compartir materiais, ideas, novidades, direccións interesantes,… pode facelo a través deste blog. Sería bo establecer canles de comunicación que nos axudaran no noso traballo diario.

No hay comentarios: